Amosando publicacións coa etiqueta TEMA 2. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta TEMA 2. Amosar todas as publicacións

sábado, 16 de novembro de 2019

TEMA 2: O MCER nas aulas

Durante moitos anos o proceso de ensinanza-aprendizaxe de linguas foi diferente en cada país, e os niveis de adquisición de idiomas non estaban estandarizados, polo que o que nun país se consideraba un bo nivel de lingua, noutro podía ser considerado un dominio mediocre. A finais do século XX, durante un simposio intergobernamental celebrado na Suíza, concluíuse que era necesario establecer un marco común en Europa para asegurar o recoñecemento do nivel de dominio da lingua. Co obxectivo de satisfacer esta necesidade, o Consello de Europa e o Goberno suízo comezaron a traballar en 1991 nun proxecto para tentar establecer un marco de referencia para o ensino das linguas que se puidese aplicar na ensinanza de múltiples idiomas sen detrimento da calidade do proceso de ensinanza-aprendizaxe. Este proxecto baseouse en múltiples estudos realizados por lingüistas e sociolingüistas dende a década dos 70. A proposta foi revisada e redactada polo Consello de Europa, que presentou o documento final do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER) no ano 2001, aproveitando a celebración do Ano Europeo das Linguas. Tras moitos anos de estudo e análise da aplicación do MCER ó proceso de ensinanza-aprendizaxe, en 2018 se publicou o volume actualizado que incluía novos descritores e modificacións na estrutura dos diferentes niveis.

O Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER, ou CEFR polas súas siglas en inglés) é un documento necesario no mundo globalizado no que vivimos, onde cada vez máis persoas falan dúas ou máis linguas, e no que o plurilingüísmo é un obxectivo de moitos países. A necesidade dun marco común queda clara co proceso de construcción europea, que pon de manifesto a necesidade de fomentar a aprendizaxe de idiomas nos Estados membros. O plurilingüísmo favorece a cooperación entre países, proporciona unha base sólida para a certificación das linguas de xeito estandarizado e axuda a todos os axentes do proceso educativo a coordinar os seus esforzos cara un fin común.

EF English proficiency index 2019

Para acadar o obxectivo e poder chegar a todos os axentes implicados no proceso de ensinanza-aprendizaxe, o marco debe ser transparente, isto é, a información ten que estar formulada de xeito claro, e debe ser accesible para calquera usuario/a. Tamén debe ser coherente (non debe conter contradiccións internas) e ser integrador (debe describir o uso das linguas de xeito tan amplo como sexa posible, incluíndo coñecementos e destrezas). Non é un documento nin dogmático nin prescritivo, senón que pretende ser unha guía para garantir a calidade, coherencia e transparencia dos procesos de ensinanza-aprendizaxe de linguas estranxeiras.
No campo da docencia, o marco serve de guía para a cooperación entre profesorado de diferentes nacionalidades ó tempo que establece unhas bases comúns para avaliar as cualificacións dos discentes dunha lingua estranxeira. Ten o obxectivo de vencer as barreiras que supoñen os distintos sistemas educativos dentro de Europa. Grazas a esta base común para os obxectivos, contidos e metodoloxía, foméntase a cooperación internacional e a transparencia do sistema. O MCER quere suscitar a reflexión sobre os obxectivos e a metodoloxía empregada na ensinanza de linguas, polo que non pretende establecer de xeito taxativo como se deben tratar estes aspectos no proceso de ensinanza-aprendizaxe.
Itchy Feet, Tavel and Language Comic

Con respecto ó método empregado no proceso de ensinanza-aprendizaxe, atopamos tres perspectivas principais: A estrutural (que entende a lingua como un sistema de elementos estruturalmente relacionados que codifican significados), a funcional (que entende a lingua como un medio para expresar ideas ou acadar obxectivos) e a perspectiva interactiva (que entende a lingua como un vehículo que facilita a creación e mantemento de relacións sociais, prestando atención ós patróns de interacción dos intercambios comunicativos).
Como as linguas apréndense usándoas, o MCER destaca as vantaxes de empregar o método comunicativo (que pertence á perspectiva interactiva), que se basea nas interaccións entre usuarios da lingua como medio para aprender. Este enfoque entende que é primordial que os discentes de linguas estranxeiras saiban transmitir significados para poder comunicarse, sen importar a perfección ou imperfección da gramática empregada.

Mais (a risco de repetirnos) non debemos esquecer que o marco non prescribe o emprego dunha ou outra métodoloxía de ensinanza-aprendizaxe, e que será labor dos e das docentes elexir a que mellor se adapte ás necesidades do seu alumnado.

Pero alén do establecido polo marco, debemos ser conscientes de que existen outras dimensións (non estrictamente lingüísticas) que condicionarán o desenvolvemento da competencia comunicativa dos discentes de lingua inglesa que teñamos na aula. Determinados Estados están máis en contacto ca outros co inglés no seu día a día por moitos motivos diferentes (por seren sitios turísticos, por lazos históricos, por relacións culturais...), e isto favorece que a aprendizaxe da lingua sexa parte fundamental da vida académica e persoal dos invididuos. Mais non debemos desesperar, xa que cun pouco de traballo e coa colaboración de internet, seguro que atopamos infinidade de recursos atractivos que podemos empregar na nosa aula de idiomas para implicar ó alumnado.
Itchy Feet, Tavel and Language Comic
Saúdos compas, vémonos na próxima entrada!