Amosando publicacións coa etiqueta Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras. Amosar todas as publicacións

venres, 14 de febreiro de 2020

TEMAS 1 e 4 - Linguas segundo o contexto de adquisición e o ámbito de traballo

Bo día, compas!

Benvidas e benvidos a unha nova entrada de Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras. Levamos xa un tempiño adicando entradas a diversos aspectos relacionados coa ensinanza-aprendizaxe de linguas, coa súa certificación e coa didáctica das mesmas. Pero se cadra debemos aclarar o uso dalgúns termos que encontramos pola rede para falar deste tema. É importante definirmos estes termos para poder comprender ben a que se refiren e aclarar as confusións derivadas da polisemia e da sinonimia dalgúns deles. Comecemos, pois, por aclararnos as ideas.
Para falar das linguas segundo o seu contexto de adquisición podemos atopar os termos linguas iniciais, maternas, nativas, segundas linguas e linguas estranxeiras.
Lengua inicial en Galicia (Consello da Cultura Galega)

A lingua inicial é aquela á que está exposta unha persoa dende que nace porque é a lingua do seu núcleo familiar. É a primeira que entende, interioriza e na que di as súas primeiras palabras. É a lingua que emprega para construír a súa propia cosmovisión do mundo e a que condiciona a súa comprensión da realidade. No mundo globalizado no que vivimos, no que en cada vez máis ocasións atopamos núcleos familiares que empregan varias linguas a diario, cada vez é máis normal que as persoas aprendan varios idiomas dende o momento no que nacen, polo que se cadra, nalgúns casos, deberíamos falar das linguas iniciais dunha persoa. A lingua materna (na maioría dos contextos) é o mesmo que a lingua inicial. É a primeira lingua coa que ten contacto unha persoa e a que emprega para expresar os seus primeiros pensamentos, sentimentos, necesidades e desexos. É un termo que debemos empregar con cautela, xa que como veremos máis adiante pode resultar confuso e levar a erro.
Día internacional da lingua materna
O termo lingua nativa tamén resulta problemático. Para moitos autores é un sinónimo de lingua inicial ou materna, mais para outros existe unha sutil diferenza: o contexto non é o mesmo. A inicial, como xa dixemos antes, é a lingua que se emprega no núcleo familiar, a primeira que escoitamos e interiorizamos de xeito inconsciente. A lingua nativa é a que se emprega no contexto social no que vivimos: a que aprendemos no colexio, a que se emprega nos medios de comunicación para vehicular coñecementos, a lingua da administración e da cultura que nos rodea. Esta definición é a mesma que se lle dá a lingua segunda, un termo moito máis claro que non é tan problemático como lingua nativa, como veremos a continuación.Finalmente temos a lingua estranxeira, que non ten perda ningunha: é aquela que non é nin materna, nin inicial, nin nativa, nin segunda. É a que aprendemos en contexto académico, de xeito consciente e cun obxectivo claro. Non debemos confundila coa lingua vehicular, que é a que permite a comunicación entre falantes de linguas diferentes (explicarémolo máis abaixo).

Ollo! Nalgúns contextos, os termos lingua materna ou lingua nativa denominan a lingua empregada por grupos étnicos dentro dun contexto dominado por outra lingua, especialmente en sociedades colonizadas nas que se impuxo o idioma do país colonizador por enriba da lingua falada polos pobos indíxenas (sobre isto, un interesante artigo publicado por investigadores da Universidad de Antioquia: Se hablan, ¡las lenguas nativas están vivas!). É por isto preferible evitar estes termos en favor de lingua inicial e lingua segunda que non dan lugar a confusión.

                             

Se quedas así despois de ler as "aclaracións", douche a benvida ó grupo de Confus@s Anónim@s
Como podemos observar, as fronteiras non están NADA claras, e debemos ter isto en conta para non dar nada por sentado cando atopemos algúns destes termos nas nosas lecturas. Se é que xa nolo di a filosofía galega: todo depende.

A clasificación das linguas segundo o seu contexto de uso é moito máis sinxela: lingua habitual, lingua de traballo e lingua vehicular.
A lingua habitual é a que empregamos no noso día a día (unha persoa bilingüe pode ter dúas linguas habituais) e non sempre ten porque coincidir coa nosa lingua inicial (como nos casos dos emigrantes que adoptan como lingua habitual o idioma do país ó que emigran). A lingua de traballo é a empregada principalmente por organismos internacionais, empresas multinacionais, estados plurilingües... para comunicarse. Debemos saber que lingua de traballo e lingua oficial non son sinónimos, e o mellor exemplo disto son os Estados Unidos, cuxa lingua de traballo é o inglés, que non está recollido en ningures como lingua oficial do país (aínda que sexa oficial de facto). Finalmente a lingua vehicular ou lingua franca, que xa mencionei antes, serve para que se comuniquen falantes de dúas linguas diferentes e a súa elección é normalmente un acto negociado entre as partes que a van empregar.
Para entender a relación que existe entre a lingua inicial e a lingua estranxeira, elaboramos un diagrama de Venn no que recollemos similitudes e diferenzas (de uso, de aprendizaxe, de contacto coa lingua...), algo que nos axudou a comprender un pouco mellor como conectamos coas linguas: en que contextos se aprende e se usa, cómo é o proceso de aprendizaxe (consciente ou inconsciente?), cando se produce o contacto coa lingua...
Déixovos aquí o diagrama de Venn deseñado polo meu grupo de traballo para que vexades un pouco por enriba como vai o asunto:

Diagrama de Venn: diferenzas e similitudes entre Lingua Inicial e Lingua Estranxeira

Ademais disto tamén probamos unha actividade de placemat consensus (moi útil para as actividades cooperativas en grupo reducido), e elaboramos un perfil lingüístico sinxelo (ó que podedes acceder mediante este enlace), pero que podería ser moitísimo máis complexo de ter en conta as variables explicadas nesta publicación de Agilice Digital.

Coido que con este repaso terminolóxico, somos un pouco máis conscientes dos pequenos matices que axudan a clasificar ás linguas coas que ten contacto unha persoa, algo que se ve reforzado tamén pola realización dun perfil lingüístico. Esta última actividade é moi interesante para realizar nunha aula, porque fai ó alumnado consciente dos seus propios coñecementos, que adoitan ser máis extensos do que eles e elas mesmas cren; ademais, fomenta o debate e recoñece as diferencias lingüísticas e multiculturais que existen tanto entre países como entre grupos dentro da mesma comunidade.


Saudiña, 
Alba

venres, 7 de febreiro de 2020

Tema 4 - Avaliación na aula e uso de descritores

Bo día, compas!

Na entrada da materia de Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras de hoxe quero facer un repaso por algúns aspectos relacionados con...

A AVALIACIÓN!!


Tranquilas, que non cunda o pánico. Vaiamos punto por punto e con calma. Primeiro veremos que é a avaliación e a diferencia que existe con respecto á cualificación, tamén faremos un repaso dos diferentes tipos de avaliación que existen e veremos como podemos beneficiarnos delas. Así que sen máis dilación, comecemos!.

A avaliación e a cualificación son dous elementos que ás veces van da man, pero que non é imprescindible realizar de xeito conxunto. A avaliación constitúe unha ferramenta moi importante para o profesorado, xa que consiste na documentación sistemática do rendemento do alumnado para podermos tomar decisións dentro do proceso de ensinanza-aprendizaxe (cambios de metodoloxía, de temática, reforzo de contidos...). Isto resulta BÁSICO para podermos adaptar a nosa práctica docente, tanto ás necesidades do grupo aula como ás necesidades de alumnado específico. A cualificación non é máis que a nota, a puntuación que o alumnado recibe polo traballo realizado (exames, proxectos, presentacións, exercizos...). 
Como xa comentei antes, avaliación e cualificación non van sempre da man. Se programamos unha sesión de traballo en grupo, mediante a observación na aula podemos avaliar o grao de adaptación do alumnado ás dinámicas de grupo, observar os seus xeitos de traballar, e extraer información de interese para mellorar o proceso de ensinanza-aprendizaxe. Mais isto non quere dicir que vaiamos poñerlle ó noso alumnado unha cualificación baseada nesta observación momentánea. Non todo o que observamos, estudamos, corriximos e analizamos na clase ten por que levar unha cualificación, pero si que todo debe ser avaliado, xa que iso é o que nos permite mellorar constantemente o proceso de ensinanza-aprendizaxe. Aquelas actividades que non nos aporten ningún tipo de información supoñen unha perda do noso prezado tempo de clase, e deberemos tentar evitalas dentro do posible.

Cando os teus alumnos finxen traballar pero en realidade están a perder o tempo
Na práctica podemos clasificar os tipos de avaliación en tres categorías: avaliación inicial, avaliación formativa e avaliación sumativa ou final.

-A avaliación inicial ou diagnóstica é a que se realiza a comezo de curso, ó inicio dun novo bloque temático... en momentos clave nos que queremos ver os coñecementos de base que ten o alumnado (algo que pode comprobarse de xeito escrito ou oral). Esta avaliación pode facerse con probas escritas, como neste exemplo de Eugenia Andino. O normal é que a avaliación inicial non teña peso na cualificación final do alumnado, xa que non estamos avaliando o grao de adquisición dos contidos impartidos, senón que estamos facéndonos unha idea do nivel xeral da clase (ou específico dun alumnos/a concreto/a) para decidir por onde deberíamos comezar a traballar.
-A avaliación formativa é aquela que nos permite obter resultados sobre o grao de adquisición dos contidos ó longo do curso. É a avaliación que se realiza cada día na aula co obxectivo de poder ofrecerlle feedback ó noso alumnado para que coñeza as súas fortalezas e debilidades. Se o alumnado é consciente dos seus puntos fortes e febles, pode traballar as súas carencias e facer máis efectivo o proceso de ensinanza-aprendizaxe.
-A avaliación sumativa ou final, que é aquela que mide o rendemento do alumnado e o seu nivel de adquisición de coñecementos para poder establecer unha cualificación. Algunhas das actividades que realicemos na aula poden servirnos para a avaliación tanto formativa como sumativa (work smarter, not harder!) e o obxectivo final é o de ofrecerlle ó alumnado unha cualificación que sexa "fiel reflexo" do seu grao de adquisición dos obxectivos marcados.

A avaliación formativa é a máis importante de todas, xa que é a que nos está a ofrecer CONSTANTEMENTE información actualizada do estado do noso grupo aula.  Pero debemos ir con coidado xa que, se non temos un sistema ben establecido e estandarizado para poder facer esta avaliación formativa, os datos recollidos poden resultar algo confusos. Para esta tarefa son especialmente valiosas as rúbricas.

Rúbrica para elaborar rúbricas

As rúbricas son documentos descritivos que enuncian os aspectos que se terán en conta na avaliación dun proceso de traballo ou dun produto final (presentacións orais, carteis, traballos en grupo...). Se entregamos a rúbrica ó comezo dunha actividade ou proceso, estamos a orientar ó alumnado para que traballe de xeito consciente nos aspectos que imos valorar como docentes. Ademais, que o alumnado teña acceso a este documento é moi beneficioso para o proceso de ensinanza-aprendizaxe, xa que poderán facer unha autoavaliación do seu propio traballo e xulgar por si mesmos como se están a desenvolver na materia.

Pero ollo! Pola rede hai algúns documentos disfrazados de rúbricas que tentarán enganarvos para que confiedes neles coa mesma forza coa que confiades nas rúbricas, pero sede conscientes de que non son a mesma cousa, e malia que poden ser documento útiles nalgúns casos, non son nin por asomo tan beneficiosos para facer unha avaliación (ou para que o alumnado realice a súa propia autoavaliación). Falamos dos baremos.

Baremo que se fai pasar por unha rúbrica
Non fai falta ser un xenio para apreciar a principal diferencia entre unha rúbrica e un baremo, xa que este último non inclúe descritores en cada cadro que nos permitan (a nós e ó noso alumnado) entender ben os puntos a avaliar. Ter esta descrición dispoñible é algo básico para non deixar nada ó azar ou á valoración subxectiva do docente. Os criterios deben estar ben especificados e ser os mesmos para todo o alumnado, e o ideal e que elaboremos a rúbrica co noso alumnado, o que nos da a posibilidade de debater con eles algúns puntos, explicar ben os elementos a valorar, e asegurarnos de que comprenden ben o que se lles pide.

As rúbricas non son o único elemento que nos axuda a avaliar ó noso alumnado (ou mesmo a nosa propia labor docente). As charlas directas co alumnado, os diarios de traballo, os cadernos de clase, as probas e cuestionarios... Debemos ter en conta tamén as diferentes ferramentas online que nos permiten avaliar ó grupo aula en conxunto ou ó alumnado de xeito individual dun modo máis participativo e dinámico, como Quizizz.

Para rematar, deixo aquí un exemplo de rúbrica (elaborada durante a sesión da materia na que traballamos estes conceptos) para avaliar unha actividade en grupo para realizar nunha aula de 4º da ESO. A actividade consiste na realización dun cartel cun diagrama de Venn sobre elementos típicos da propia cultura e elementos de culturas alleas (especificamente de países de lingua inglesa) e unha exposición oral para presentarlle o cartel ó resto da clase. Podemos empregar rúbricas para avaliar o cartel, a presentación oral, o traballo en grupo e mesmo podemos entregar unha rúbrica de autoavaliación para que cada integrante poida ver se a idea que ten do seu traballo coincide coa opinión que hai por parte do resto de integrantes (coavaliación).
Póñovos de exemplo a rúbrica que elaboramos para avaliar esta actividade, redactada de cero polo grupo de traballo no que estiven. Como podedes ver, neste caso, a avaliación vai da man dunha cualificación (por iso indicamos o peso que ten cada criterio na nota final asignada a esta actividade).


Espero que esta entrada aclare algunhas dúbidas que poidades ter con respecto ós diferentes tipos de avaliación e ó uso das rúbricas e dos baremos. Tamén vos deixo por aquí o enlace ó banco de rúbricas CEDEC que vos pode ser de axuda, e unha ficha sobre cómo aplicar a ladder of feedback para estruturar as coavaliacións.

Saudiña,
Alba

martes, 21 de xaneiro de 2020

Tema 5 - Actividades de lingua

Boas, compas!

Nesta nova etapa do blogue imos tratar algúns contidos relacionados coa Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras para saber como axudar a que o noso alumnado acade todos os seus obxectivos de xeito ameno e atractivo. Pese a que nas sesións tratamos o tema do plurilingüísmo (esta presentación de Antía explica moi ben o concepto), hoxe quero facer un repaso dos diferentes tipos de actividades que podemos realizar na aula para traballar as catro actividades de lingua que recolle o MCER: expresión, comprensión, interacción e mediación, xa sexa de xeito oral ou escrito (o companion volume profundiza máis nestes conceptos). Esta clasificación pode resultar un pouco estraña para quen leve xa un tempiño lonxe do contexto educativo. Onde quedaron as 4 destrezas clásicas de produción oral e escrita e comprensión oral e escrita? que é iso de interacción e de mediación?  Hai lugar na aula para practicar estas cousas? o alumnado non debería estar a traballar contidos relevantes e a acumular coñecementos?


Se entendemos o cerebro do noso alumnado como un almacén onde teñen que acumular tooooda a información que lles chega para poder acceder a ela cando lles sexa necesaria... pois igual estas non serían as destrezas nas que nos centraríamos. Pero debemos entender que o cerebro do noso alumnado é unha máquina cuxa potencialidade vai alén da mera acumulación de coñecementos. É un procesador moi potente que pode axudarlles a acadar o que se propoñan. Polo tanto, na aula debémoslles presentar retos reais, que actúen como unha sorte de quebracabezas e xogos nos que eles teñan que, non só aplicar os seus coñecementos, senón tamén traballar as competencias básicas. Potenciemos a súa creatividade, interese e motivación. É interesante esta sección dunha entrevista a Michio Kaku:


Aclaremos pois, que as actividades "clásicas" non quedan de lado. O alumnado segue tendo que ler, escribir, escoitar e falar pero, alén disto, traballa coa lingua en contexto mediante as actividades de interacción e de mediación. Polo tanto as actividades de expresión son aquelas nas que o alumnado traballa a súa capacidade de comunicar ideas, pensamentos, emocións... na lingua estranxeira, xa sexa de xeito oral ou escrito (exposicións orais na clase, redacción de historias, realización de resumos, show and tell...); e as actividades de comprensión axudan ó alumnado a traballar a súa capacidade de entender ideas expresadas na lingua estranxeira xa sexa de xeito oral ou escrito (lectura de noticias dun xornal, visualización de conferencias ou charlas en vídeo, lectura das instrucións de uso dalgún aparello, análise dun texto, visualización de series ou películas...). Por outra banda temos as actividades de interacción e mediación, que poñen en contacto a dous ou máis interlocutores para que o uso da lingua durante a aprendizaxe sexa un acto verdadeiramente comunicativo. De pouco serve que sexamos expertos expresándonos na lingua estranxeira se non somos quen de comprender ós nosos interlocutores (orais ou escritos), e de pouco serve tamén sermos quen de entender ó noso interlocutor pero non sermos quen de comunicar as nosas opinións ou os nosos pensamentos. É preciso que teñamos actividades de interacción nas que poñamos ó alumnado en contextos reais para ensinar a importancia dunha comunicación efectiva. Alén disto deben aprender a ser respectuosos e a adaptar o nivel de formalidade do discurso ás persoas coas que estean a falar (porque non nos comunicamos cunha profesora do mesmo xeito que nos comunicamos coas nosas amigas). En última instancia, a lingua é interacción entre dous ou máis interlocutores, polo que é preciso que aprendamos a traballar con ela mediante actos comunicativos reais (diálogos, debates, entrevistas, intercambio de correspondencia...). Aproveitemos que a interacción é un dos mellores métodos para aprender unha lingua estranxeira, se non a practicamos podemos acabar comunicándonos como Walter White en Breaking Bad



Ou peor, como Ted Mosby en How I Met Your Mother




Por outra banda, as actividades de mediación (que poden ser linguísticas/textuais, conceptuais e sociais/culturais) buscan que o alumnado se converta no punto medio que une a dúas persoas de culturas, niveis ou idiomas distintos para favorecer a comunicación entre elas. As mediadoras interveñen cando dúas ou máis persoas son incapaces de comunicarse directamente polo motivo que sexa (porque as persoas non falan a mesma lingua, porque o emisor é un especialista no tema e o receptor un neno pequeno con pouco vocabulario, porque o receptor final da mensaxe non está presente...). Deben controlar o nivel de formalidade, o grao de explicación, o vocabulario empregado, etc. para asegurar que o contido chega ata o receptor de xeito satisfactorio. Vexamos un exemplo humorístico de mediación entre unha interlocutora canadense e receptores estadounidenses mediante subtítulos:

Robin: Ted, this hydro bill is bigger than Louis Cyr's biceps. What, you leave the garborator on all night, eh?.
Mediación mediante subtítulos: Ted, this electric bill is larger than a Quebec strong man's arms. Did you leave the [garbage] disposal on all night, moron?

Ambos interlocutores falan inglés, pero as expresións e as referencias empregadas en Canadá non coinciden coas empregadas nos Estados Unidos (na serie o exemplo é un pouco esaxerado), e esta diferencia cultural dificulta a comunicación entre os interlocutores. Neste caso, a actividade de mediación require dun coñecemento profundo da lingua e da cultura para poder entender as referencias. É un exercicio de comprensión, análise e explicación. Vexamos un exemplo de como NON realizar unha mediación entre dous interlocutores que non se poden comunicar directamente (ou o que coloquialmente chamaríamos o teléfono estragado):



Segundo a situación comunicativa, o acto de mediación pode ter consecuencias insospeitadas. Que sucede se actuamos como interpretes cando noso pai lle da direccións a un grupo de turistas e transmitimos mal a mensaxe? perderanse na cidade? chegarán tarde ao aeroporto? E se por lle traducir mal o menú dun restaurante a un amigo inxire algo ó que é alérxico? E se lle transmitimos mal o visto na clase a un compañeiro que estivo enfermo, suspenderá?. É moi doado atopar situacións comúns nas que o noso alumnado se pode ver no papel de mediador, algo que debemos aproveitar ó noso favor para deseñar actividades de aula que teñan un contexto real.


En conclusión, introducir estas actividades no traballo de aula non é difícil, pero debemos guiarnos polo establecido no MCER con respecto ós niveis de lingua. O noso alumnado debe traballar con textos propios do seu nivel, xa que de ser demasiado complexos poden perder o interese, a motivación e as ganas de traballar. Fagamos que se reten a si mesmos e que traballen, como dicía Vygotsky, na súa Zona de Desenvolvemento Próximo para que poidan interiorizar contidos de xeito máis eficiente e efectivo. Nas actividades realizadas na aula, propuxemos a realización dunha lectura comprensiva dun breve artigo xornalístico en inglés, para practicar a comprensión; a elaboración dun cartel comparativo de rasgos culturais propios e de países de lingua inglesa como acto de mediación, ou un show and tell organizado polo alumnado para practicar a expresión oral. Coido que actividades de este estilo son moi beneficiosas para que o alumnado acade un bo nivel de lingua e fan que as sesións de aula sexa algo dinámico e entretido.


Saudiña!

Alba