Boas, compas!
Nesta nova etapa do blogue imos tratar algúns contidos relacionados coa Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras para saber como axudar a que o noso alumnado acade todos os seus obxectivos de xeito ameno e atractivo. Pese a que nas sesións tratamos o tema do plurilingüísmo (esta presentación de Antía explica moi ben o concepto), hoxe quero facer un repaso dos diferentes tipos de actividades que podemos realizar na aula para traballar as catro actividades de lingua que recolle o MCER: expresión, comprensión, interacción e mediación, xa sexa de xeito oral ou escrito (o companion volume profundiza máis nestes conceptos). Esta clasificación pode resultar un pouco estraña para quen leve xa un tempiño lonxe do contexto educativo. Onde quedaron as 4 destrezas clásicas de produción oral e escrita e comprensión oral e escrita? que é iso de interacción e de mediación? Hai lugar na aula para practicar estas cousas? o alumnado non debería estar a traballar contidos relevantes e a acumular coñecementos?
Se entendemos o cerebro do noso alumnado como un almacén onde teñen que acumular tooooda a información que lles chega para poder acceder a ela cando lles sexa necesaria... pois igual estas non serían as destrezas nas que nos centraríamos. Pero debemos entender que o cerebro do noso alumnado é unha máquina cuxa potencialidade vai alén da mera acumulación de coñecementos. É un procesador moi potente que pode axudarlles a acadar o que se propoñan. Polo tanto, na aula debémoslles presentar retos reais, que actúen como unha sorte de quebracabezas e xogos nos que eles teñan que, non só aplicar os seus coñecementos, senón tamén traballar as competencias básicas. Potenciemos a súa creatividade, interese e motivación. É interesante esta sección dunha entrevista a Michio Kaku:
Aclaremos pois, que as actividades "clásicas" non quedan de lado. O alumnado segue tendo que ler, escribir, escoitar e falar pero, alén disto, traballa coa lingua en contexto mediante as actividades de interacción e de mediación. Polo tanto as actividades de expresión son aquelas nas que o alumnado traballa a súa capacidade de comunicar ideas, pensamentos, emocións... na lingua estranxeira, xa sexa de xeito oral ou escrito (exposicións orais na clase, redacción de historias, realización de resumos, show and tell...); e as actividades de comprensión axudan ó alumnado a traballar a súa capacidade de entender ideas expresadas na lingua estranxeira xa sexa de xeito oral ou escrito (lectura de noticias dun xornal, visualización de conferencias ou charlas en vídeo, lectura das instrucións de uso dalgún aparello, análise dun texto, visualización de series ou películas...). Por outra banda temos as actividades de interacción e mediación, que poñen en contacto a dous ou máis interlocutores para que o uso da lingua durante a aprendizaxe sexa un acto verdadeiramente comunicativo. De pouco serve que sexamos expertos expresándonos na lingua estranxeira se non somos quen de comprender ós nosos interlocutores (orais ou escritos), e de pouco serve tamén sermos quen de entender ó noso interlocutor pero non sermos quen de comunicar as nosas opinións ou os nosos pensamentos. É preciso que teñamos actividades de interacción nas que poñamos ó alumnado en contextos reais para ensinar a importancia dunha comunicación efectiva. Alén disto deben aprender a ser respectuosos e a adaptar o nivel de formalidade do discurso ás persoas coas que estean a falar (porque non nos comunicamos cunha profesora do mesmo xeito que nos comunicamos coas nosas amigas). En última instancia, a lingua é interacción entre dous ou máis interlocutores, polo que é preciso que aprendamos a traballar con ela mediante actos comunicativos reais (diálogos, debates, entrevistas, intercambio de correspondencia...). Aproveitemos que a interacción é un dos mellores métodos para aprender unha lingua estranxeira, se non a practicamos podemos acabar comunicándonos como Walter White en Breaking Bad
Ou peor, como Ted Mosby en How I Met Your Mother
Por outra banda, as actividades de mediación (que poden ser linguísticas/textuais, conceptuais e sociais/culturais) buscan que o alumnado se converta no punto medio que une a dúas persoas de culturas, niveis ou idiomas distintos para favorecer a comunicación entre elas. As mediadoras interveñen cando dúas ou máis persoas son incapaces de comunicarse directamente polo motivo que sexa (porque as persoas non falan a mesma lingua, porque o emisor é un especialista no tema e o receptor un neno pequeno con pouco vocabulario, porque o receptor final da mensaxe non está presente...). Deben controlar o nivel de formalidade, o grao de explicación, o vocabulario empregado, etc. para asegurar que o contido chega ata o receptor de xeito satisfactorio. Vexamos un exemplo humorístico de mediación entre unha interlocutora canadense e receptores estadounidenses mediante subtítulos:
Ou peor, como Ted Mosby en How I Met Your Mother
Por outra banda, as actividades de mediación (que poden ser linguísticas/textuais, conceptuais e sociais/culturais) buscan que o alumnado se converta no punto medio que une a dúas persoas de culturas, niveis ou idiomas distintos para favorecer a comunicación entre elas. As mediadoras interveñen cando dúas ou máis persoas son incapaces de comunicarse directamente polo motivo que sexa (porque as persoas non falan a mesma lingua, porque o emisor é un especialista no tema e o receptor un neno pequeno con pouco vocabulario, porque o receptor final da mensaxe non está presente...). Deben controlar o nivel de formalidade, o grao de explicación, o vocabulario empregado, etc. para asegurar que o contido chega ata o receptor de xeito satisfactorio. Vexamos un exemplo humorístico de mediación entre unha interlocutora canadense e receptores estadounidenses mediante subtítulos:
Robin: Ted, this hydro bill is bigger than Louis Cyr's biceps. What, you leave the garborator on all night, eh?.
Mediación mediante subtítulos: Ted, this electric bill is larger than a Quebec strong man's arms. Did you leave the [garbage] disposal on all night, moron?
Ambos interlocutores falan inglés, pero as expresións e as referencias empregadas en Canadá non coinciden coas empregadas nos Estados Unidos (na serie o exemplo é un pouco esaxerado), e esta diferencia cultural dificulta a comunicación entre os interlocutores. Neste caso, a actividade de mediación require dun coñecemento profundo da lingua e da cultura para poder entender as referencias. É un exercicio de comprensión, análise e explicación. Vexamos un exemplo de como NON realizar unha mediación entre dous interlocutores que non se poden comunicar directamente (ou o que coloquialmente chamaríamos o teléfono estragado):
Segundo a situación comunicativa, o acto de mediación pode ter consecuencias insospeitadas. Que sucede se actuamos como interpretes cando noso pai lle da direccións a un grupo de turistas e transmitimos mal a mensaxe? perderanse na cidade? chegarán tarde ao aeroporto? E se por lle traducir mal o menú dun restaurante a un amigo inxire algo ó que é alérxico? E se lle transmitimos mal o visto na clase a un compañeiro que estivo enfermo, suspenderá?. É moi doado atopar situacións comúns nas que o noso alumnado se pode ver no papel de mediador, algo que debemos aproveitar ó noso favor para deseñar actividades de aula que teñan un contexto real.
En conclusión, introducir estas actividades no traballo de aula non é difícil, pero debemos guiarnos polo establecido no MCER con respecto ós niveis de lingua. O noso alumnado debe traballar con textos propios do seu nivel, xa que de ser demasiado complexos poden perder o interese, a motivación e as ganas de traballar. Fagamos que se reten a si mesmos e que traballen, como dicía Vygotsky, na súa Zona de Desenvolvemento Próximo para que poidan interiorizar contidos de xeito máis eficiente e efectivo. Nas actividades realizadas na aula, propuxemos a realización dunha lectura comprensiva dun breve artigo xornalístico en inglés, para practicar a comprensión; a elaboración dun cartel comparativo de rasgos culturais propios e de países de lingua inglesa como acto de mediación, ou un show and tell organizado polo alumnado para practicar a expresión oral. Coido que actividades de este estilo son moi beneficiosas para que o alumnado acade un bo nivel de lingua e fan que as sesións de aula sexa algo dinámico e entretido.
Saudiña!
Alba




