Bo día, compas!
Benvidas e benvidos a unha nova entrada de Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras. Levamos xa un tempiño adicando entradas a diversos aspectos relacionados coa ensinanza-aprendizaxe de linguas, coa súa certificación e coa didáctica das mesmas. Pero se cadra debemos aclarar o uso dalgúns termos que encontramos pola rede para falar deste tema. É importante definirmos estes termos para poder comprender ben a que se refiren e aclarar as confusións derivadas da polisemia e da sinonimia dalgúns deles. Comecemos, pois, por aclararnos as ideas.
Para falar das linguas segundo o seu contexto de adquisición podemos atopar os termos linguas iniciais, maternas, nativas, segundas linguas e linguas estranxeiras.
Para falar das linguas segundo o seu contexto de adquisición podemos atopar os termos linguas iniciais, maternas, nativas, segundas linguas e linguas estranxeiras.
![]() |
| Lengua inicial en Galicia (Consello da Cultura Galega) |
A lingua inicial é aquela á que está exposta unha persoa dende que nace porque é a lingua do seu núcleo familiar. É a primeira que entende, interioriza e na que di as súas primeiras palabras. É a lingua que emprega para construír a súa propia cosmovisión do mundo e a que condiciona a súa comprensión da realidade. No mundo globalizado no que vivimos, no que en cada vez máis ocasións atopamos núcleos familiares que empregan varias linguas a diario, cada vez é máis normal que as persoas aprendan varios idiomas dende o momento no que nacen, polo que se cadra, nalgúns casos, deberíamos falar das linguas iniciais dunha persoa. A lingua materna (na maioría dos contextos) é o mesmo que a lingua inicial. É a primeira lingua coa que ten contacto unha persoa e a que emprega para expresar os seus primeiros pensamentos, sentimentos, necesidades e desexos. É un termo que debemos empregar con cautela, xa que como veremos máis adiante pode resultar confuso e levar a erro.
![]() |
| Día internacional da lingua materna |
Ollo! Nalgúns contextos, os termos lingua materna ou lingua nativa denominan a lingua empregada por grupos étnicos dentro dun contexto dominado por outra lingua, especialmente en sociedades colonizadas nas que se impuxo o idioma do país colonizador por enriba da lingua falada polos pobos indíxenas (sobre isto, un interesante artigo publicado por investigadores da Universidad de Antioquia: Se hablan, ¡las lenguas nativas están vivas!). É por isto preferible evitar estes termos en favor de lingua inicial e lingua segunda que non dan lugar a confusión.
![]() |
| Se quedas así despois de ler as "aclaracións", douche a benvida ó grupo de Confus@s Anónim@s |
A clasificación das linguas segundo o seu contexto de uso é moito máis sinxela: lingua habitual, lingua de traballo e lingua vehicular.
A lingua habitual é a que empregamos no noso día a día (unha persoa bilingüe pode ter dúas linguas habituais) e non sempre ten porque coincidir coa nosa lingua inicial (como nos casos dos emigrantes que adoptan como lingua habitual o idioma do país ó que emigran). A lingua de traballo é a empregada principalmente por organismos internacionais, empresas multinacionais, estados plurilingües... para comunicarse. Debemos saber que lingua de traballo e lingua oficial non son sinónimos, e o mellor exemplo disto son os Estados Unidos, cuxa lingua de traballo é o inglés, que non está recollido en ningures como lingua oficial do país (aínda que sexa oficial de facto). Finalmente a lingua vehicular ou lingua franca, que xa mencionei antes, serve para que se comuniquen falantes de dúas linguas diferentes e a súa elección é normalmente un acto negociado entre as partes que a van empregar.
Para entender a relación que existe entre a lingua inicial e a lingua estranxeira, elaboramos un diagrama de Venn no que recollemos similitudes e diferenzas (de uso, de aprendizaxe, de contacto coa lingua...), algo que nos axudou a comprender un pouco mellor como conectamos coas linguas: en que contextos se aprende e se usa, cómo é o proceso de aprendizaxe (consciente ou inconsciente?), cando se produce o contacto coa lingua...
Déixovos aquí o diagrama de Venn deseñado polo meu grupo de traballo para que vexades un pouco por enriba como vai o asunto:
![]() |
| Diagrama de Venn: diferenzas e similitudes entre Lingua Inicial e Lingua Estranxeira |
Ademais disto tamén probamos unha actividade de placemat consensus (moi útil para as actividades cooperativas en grupo reducido), e elaboramos un perfil lingüístico sinxelo (ó que podedes acceder mediante este enlace), pero que podería ser moitísimo máis complexo de ter en conta as variables explicadas nesta publicación de Agilice Digital.
Coido que con este repaso terminolóxico, somos un pouco máis conscientes dos pequenos matices que axudan a clasificar ás linguas coas que ten contacto unha persoa, algo que se ve reforzado tamén pola realización dun perfil lingüístico. Esta última actividade é moi interesante para realizar nunha aula, porque fai ó alumnado consciente dos seus propios coñecementos, que adoitan ser máis extensos do que eles e elas mesmas cren; ademais, fomenta o debate e recoñece as diferencias lingüísticas e multiculturais que existen tanto entre países como entre grupos dentro da mesma comunidade.
Saudiña,
Alba




