Amosando publicacións coa etiqueta TEMA 1. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta TEMA 1. Amosar todas as publicacións

luns, 11 de novembro de 2019

TEMA 1: Evolución da lexislación educativa en España

(Esta entrada contén links ás leis mencionadas e a páxinas de referencia para ampliar información)


Para comprender a problemática que existe coas leis educativas é preciso coñecer a evolución das mesmas en España. Con este obxectivo, faremos un breve repaso das diferentes leis, deténdonos un pouco máis na LOMCE para entender onde estamos e preguntarnos cara onde queremos ir.
Comezamos a análise desta evolución falando da Lei Xeral de Educación (LXE, 1970), xa que estableceu a división estrutural do sistema educativo que permanecía sen modificar dende que se aprobara a Lei de instrución pública de 1857 (Lei Moyano). A LXE, que foi aprobada durante os últimos anos do franquismo, estableceu a escolaridade obrigatoria até os 14 anos e en xeral supuxo unha modernización do estamento educativo en España que levaba moitos anos estancado.
Xa en democracia, e dez anos despois de que a LXE entrara en vigor, naceu, da man da Unión de Centro Democrático (UCD), a Lei Orgánica pola que se regula o Estatuto dos Centros Escolares (LOECE, 1980). Esta Lei non chegou a entrar en vigor, xa que o Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) presentou un recurso ante o Tribunal Constitucional porque a consideraba unha lei que ía en contra dalgúns puntos da Constitución española, algo que o TC confirmou. A UCD non puido realizar as modificacións precisas para que a Lei se puidese aplicar por mor do intento de golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981 e da inestabilidade política derivada do mesmo.

Sobre o recurso de inconstitucionalidade
En 1985 aprobouse a Lei Orgánica reguladora do Dereito á Educación (LODE), promulgada polo PSOE, que non afectou á estrutura do sistema educativo, pero que destacou por establecer o financiamento de centros privados con fondos públicos, creando deste xeito os centros concertados. O PSOE tiña como obxectivo principal instaurar a ensinanza obrigatoria até os 16 anos, mais a capacidade dos centros públicos da época non era abondo para acoller ó alumnado e o Estado non contaba con fondo suficientes para financiar a creación de novas escolas. A solución foi chegar a un acordo cos centros privados para que funcionasen do mesmo xeito ca os colexios públicos, a cambio de establecer xeitos “económicos” de financiar os concertos.
A substituta da LXE foi, cinco anos despois, a Lei Orgánica de Ordenación Xeral do Sistema Educativo (LOXSE), promulgada polo PSOE e aprobada en outubro de 1990. Partía do artigo 27 da Constitución Española de 1978 (sobre educación) e foi vista como a primeira Lei baseada nos principios constitucionais e na democracia. Esta Lei estableceu a cesión de competencias ás Comunidades Autónomas en materia de educación para que, alén de xestionar os centros, puidesen establecer unha porcentaxe dos contidos do currículo. Representou unha ruptura co modelo educativo previo, xa que instaba a empregar unha metodoloxía construtivista, máis consoante cos postulados europeos en materia educativa.
En 2002 o Partido Popular (PP) promulgou a Lei Orgánica da Calidade da Educación (LOCE), que pretendía mellorar e reformar o sistema educativo, pero que non chegou a entrar en vigor por mor do cambio de goberno, que paralizou a súa aplicación. Só catro anos despois, en 2006, o PSOE (de volta no goberno) derogou a LOCE mediante a aprobación da Lei Orgánica de Educación (LOE), que lle daba continuidade ás leis en materia educativa aprobadas previamente polo goberno do PSOE.
A LOE foi aprobada por unha ampla maioría da cámara do congreso, pero contou co voto en contra do PP. Foi unha lei polémica, xa que implantou a materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos (de carácter obrigatorio) e relegou a materia de Relixión ó bloque de optativas. Algúns dos sectores máis conservadores tamén criticaron a redución do nivel de esixencia ó alumnado.
Mais, non se pode negar que a lei máis polémica e protestada (das promulgadas en España en materia educativa) é a Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE, 2013), tamén coñecida como Lei Wert. Desta volta o PP foi o único partido en votar a favor da lei, sen contar co apoio de ningún outro grupo parlamentario. 


Aprobación da LOMCE
A LOMCE reimplantou as temidas reválidas ó final de cada etapa educativa; estableceu dúas vías diferentes en 4º da ESO (unha enfocada ó acceso ó Bacharelato e outra enfocada ó aceso a FP Medio); devolveulle ó goberno plenas competencias para o deseño das materias troncais (que podían ser complementadas polas Administracións educativas autonómicas); estableceu concertos con colexios que segregan ó alumnado por sexo; estableceu como prescritivo que “o castelán sexa empregado como lingua vehicular nunha proporción razoable” nas aulas (aínda que tamén apoia encarecidamente o fomento do plurilingüísmo por considerar que o dominio das linguas estranxeiras é unha das principais carencias do noso sistema educativo), entre outros cambios criticados. Como non podía ser doutro xeito, a LOMCE modifica unha das disposicións máis polémicas da LOE, e devólvelle á materia de Relixión plena validez académica, co mesmo valor que outras materias troncais (como matemáticas) e establece como materia alternativa Valores Sociais e Cívicos (en Primaria) e Valores Éticos (na ESO), o que supuxo a eliminación da materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos.


Manifestación contra a LOMCE
En conclusión, a evolución da lexislación en materia educativa en España ven sendo tortuosa dende hai moitos anos, principalmente pola implicación dos partidos políticos e da imperante necesidade por impoñer cadanseus valores. É preciso que o Estado español estableza un pacto pola educación que teña en conta os axentes sociais e as familias para acabar cunha loita de poder que pouco ou nada ten que ver coa educación. As leis aprobadas están ligadas ó desexo de inculcar valores ideolóxicos concretos que afectan en última instancia ó alumnado que enche as aulas cada día e ós membros da comunidade educativa en xeral.