(Esta entrada contén links ás leis mencionadas e a páxinas de referencia para ampliar información)
Para comprender a problemática que existe coas leis educativas é preciso coñecer a
evolución das mesmas en España. Con este obxectivo, faremos un breve repaso das diferentes leis, deténdonos un pouco máis na LOMCE para entender onde estamos e preguntarnos cara onde queremos ir.
Comezamos
a análise desta
evolución
falando da Lei Xeral de Educación (LXE,
1970), xa que estableceu a división estrutural do sistema educativo
que permanecía sen modificar dende que se aprobara a Lei
de instrución pública
de 1857 (Lei Moyano). A LXE,
que
foi aprobada durante os últimos anos do franquismo, estableceu a
escolaridade obrigatoria até os 14 anos e en xeral supuxo unha
modernización do estamento educativo en España que
levaba moitos anos estancado.
Xa
en democracia, e dez anos despois de que a LXE entrara en
vigor, naceu, da man da Unión de Centro Democrático (UCD), a Lei Orgánica pola que se regula o Estatuto dos Centros Escolares (LOECE,
1980). Esta Lei non chegou a entrar en vigor, xa que o Partido
Socialista Obreiro Español (PSOE) presentou un recurso ante o
Tribunal Constitucional porque a consideraba unha lei que ía en
contra dalgúns puntos da Constitución española, algo que o TC confirmou. A UCD non puido realizar as modificacións precisas para que
a Lei se puidese aplicar por mor do intento de golpe de Estado do 23
de febreiro de 1981 e da inestabilidade política derivada do mesmo.
En
1985 aprobouse a Lei Orgánica reguladora do Dereito á Educación
(LODE), promulgada polo PSOE, que non afectou á estrutura do
sistema educativo, pero que destacou por establecer o financiamento
de centros privados con fondos públicos, creando deste xeito os
centros concertados. O PSOE tiña como obxectivo principal instaurar
a ensinanza obrigatoria até os 16 anos, mais a capacidade dos
centros públicos da época non era abondo para acoller ó alumnado e
o Estado non contaba con fondo suficientes para financiar a creación
de novas escolas. A solución foi chegar a un acordo cos centros
privados para que funcionasen do mesmo xeito ca os colexios públicos,
a cambio de establecer xeitos “económicos” de financiar os
concertos.
A
substituta
da LXE foi, cinco
anos despois,
a Lei Orgánica de Ordenación Xeral do Sistema Educativo (LOXSE),
promulgada
polo PSOE e aprobada en outubro de 1990. Partía do artigo 27 da
Constitución Española de 1978 (sobre educación) e foi vista como a
primeira Lei baseada nos principios constitucionais e na democracia.
Esta
Lei estableceu a cesión de competencias ás Comunidades Autónomas
en materia de educación para que, alén de xestionar os centros,
puidesen establecer unha porcentaxe dos contidos do currículo.
Representou
unha ruptura
co modelo educativo previo, xa que instaba a empregar unha
metodoloxía construtivista, máis consoante cos postulados europeos
en materia educativa.
En
2002 o Partido Popular (PP) promulgou a Lei Orgánica da Calidade da Educación (LOCE), que pretendía mellorar e reformar o
sistema educativo, pero que non chegou a entrar en vigor por mor do
cambio de goberno, que paralizou a súa aplicación. Só catro anos
despois, en 2006, o PSOE (de volta no goberno) derogou a LOCE
mediante a aprobación da Lei Orgánica de Educación (LOE),
que lle daba continuidade ás leis en materia educativa aprobadas
previamente polo goberno do PSOE.
A
LOE foi aprobada por unha ampla maioría da cámara do congreso, pero
contou co voto en contra do PP. Foi unha lei polémica, xa que
implantou a materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos
Humanos (de carácter obrigatorio) e relegou a materia de Relixión ó
bloque de optativas. Algúns
dos sectores máis conservadores
tamén
criticaron a redución do nivel de esixencia ó alumnado.
Mais,
non se pode negar que a lei máis polémica e protestada
(das promulgadas en España en materia educativa) é a Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE, 2013),
tamén coñecida como Lei Wert. Desta
volta o PP foi o único partido
en votar a favor da
lei, sen contar co apoio de ningún outro grupo parlamentario.
 |
| Aprobación da LOMCE |
A
LOMCE reimplantou as temidas reválidas
ó
final de cada etapa educativa; estableceu
dúas vías diferentes en 4º da ESO (unha enfocada ó acceso ó Bacharelato e outra enfocada ó aceso a FP Medio); devolveulle ó
goberno plenas competencias para o deseño das materias
troncais
(que podían ser complementadas polas Administracións educativas
autonómicas); estableceu
concertos con colexios que segregan ó alumnado por sexo;
estableceu como prescritivo que “o castelán sexa empregado como
lingua vehicular nunha proporción razoable” nas aulas (aínda que
tamén apoia encarecidamente o fomento do plurilingüísmo por
considerar que o dominio das linguas estranxeiras é unha das
principais carencias do noso sistema educativo),
entre outros cambios criticados. Como non podía ser doutro xeito, a
LOMCE modifica unha
das disposicións
máis polémicas da LOE, e devólvelle
á materia de Relixión plena validez académica, co mesmo valor que
outras materias troncais (como
matemáticas)
e establece como materia alternativa Valores Sociais e Cívicos (en
Primaria)
e Valores Éticos (na
ESO),
o
que supuxo a eliminación da materia de Educación para a Cidadanía
e os Dereitos Humanos.
 |
| Manifestación contra a LOMCE |
En
conclusión, a evolución
da lexislación en materia educativa en España ven sendo tortuosa
dende hai moitos anos, principalmente pola implicación dos partidos
políticos e da imperante necesidade por impoñer cadanseus valores.
É preciso que o Estado español estableza un pacto pola educación que teña en conta os axentes sociais e as familias para acabar cunha loita de poder que pouco ou nada ten que ver coa
educación. As leis aprobadas están ligadas ó desexo de inculcar
valores ideolóxicos concretos que afectan en última instancia ó alumnado que enche as aulas cada día e ós membros da comunidade educativa en xeral.
3 comentarios:
Ola, Alba!
En primeiro lugar felicidades pola entrada; creo que está moi ben explicada e estruturada. O cambio destas leis pode ser confuso, xa que son moitas as que xurdiron nas últimas décadas, principalmente por mor dos cambios de goberno que tiveron lugar. Persoalmente, estudar un pouco tanto a LOE como a LOMCE fíxome reflexionar sobre como a ideoloxía se pode ver na redacción das mesmas. O que máis me chamou a atención da máis recente, a LOMCE, é que as palabras que, diría, máis se repiten son "Europa", "eficiencia" e "economía". Queremos unha lei educativa que prime eses conceptos antes que outros? Igualmente, a LOMCE menciona en numerosas ocasións a súa intención de promover a igualdade. Non obstante, conta con medidas, como ben explicas ti na túa entrada, como a segregación por sexos ou, por por outro exemplo, o recorte das becas nos estudos universitarios. Son estas medidas para loitar pola igualdade? Da que pensar. Sen dúbida, o pacto pola educación que mencionas é de imperante necesidade; a educación é unha das ferramentas máis poderosas (se non a que máis) que ten unha persoa.
De novo felicitacións pola entrada.
Aperta!
Antía
Ola, Antía!
A verdade é que unha lectura entre liñas (só do preámbulo) da LOMCE deixa ben claro que esta é unha lei ó servizo dos mercados. Ademais, tamén amosa unha clara preocupación pola posición de España no "ranking" dos sistemas educativos europeos, xa que España non quere estar á cola de Europa en ningún ámbito.
Está claro que lexislar en materia de educación tendo en mente uns obxectivos a tan curto prazo non é beneficioso nin para o estamento educativo nin para os axentes implicados. Sería bo establecer ese tan necesario pacto de Estado pola educación que se encargue de asegurar que (sen importar o partido que estea no goberno) se traballa en pos duns obxectivos a longo prazo comúns e lóxicos.
Mais, rompamos unha lanza en favor da LOMCE, xa que se preocupa polo fomento da aprendizaxe de linguas estranxeiras nas aulas, poñendo o foco de atención na importancia do bilingüísmo no mundo globalizado actual (pero non sexamos inxenuos, xa que o interese polo plurilingüísmo nace de obxectivos mercantilistas e non está centrado nos intereses individuais do alumnado).
Xa veremos co tempo que pasa coa lexislación educativa do noso país. Con sorte non teremos que enfrontarnos a un novo cambio que satisfaga soamente as necesidades/aspiracións dun partido político concreto (aínda que quizais é ser crédula de máis).
Saudiña,
Alba.
¡Hola, Alba!
Me ha parecido muy interesante y completo el resumen que has hecho sobre las leyes educativas que ha habido en España desde el año 1970.
Considero sorprendente y preocupante que haya habido tantísimas leyes educativas en un período tan breve de tiempo, fruto de intentar utilizar la educación como un arma de adoctrinamiento ideológico sin contar con las necesidades reales de la educación. La escuela no solo debe formar al alumnado en diferentes contenidos y competencias, sino que debe ayudar a crear ciudadanos y ciudadanas con una plena conciencia social, con valores éticos, con empatía y con plenos valores democráticos, entre los que se encuentran la tolerancia y el respeto. Por ello, no comprendo la derogación de la asignatura de Educación para la Ciudadanía, salvo por el hecho de que su ausencia en las aulas favorece entre el alumnado la ignorancia sobre todo lo relacionado con una cultura democrática y la tolerancia hacia las orientaciones sexuales, los modelos de familia y las culturas diferentes, entre otros.
En un país plenamente democrático y desarrollado, donde la educación debe ser protegida y plenamente apoyada, debería existir de una vez por todas una ley de educación que alcance el pleno consenso, más allá de razones ideológicas, primando siempre la formación del alumnado como miembro de una sociedad diversa y, teniendo en cuenta, a los diferentes agentes sociales, entre ellos, los docentes y no solo a los políticos.
¡Un saludo!
Publicar un comentario