Sesión do 28 de novembro
Ola, compas!
Nesta entrada vouvos falar das actividades que realizamos durante a sesión do 28 de novembro de As Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional. Na entrada de dosier anterior, podedes atopar a explicación correspondente á última actividade da clase, que tivemos que presentar durante esta sesión.
Esta primeira actividade foi especialmente interesante, xa que implicou que o alumnado participase como avaliado e como avaliador, mediante a avaliación colaborativa. Tras as exposicións grupais, cada equipo de traballo debía avaliar de xeito cooperativo a presentación doutro grupo, segundo os criterios establecidos na grade creada polo docente da materia. Este enfoque fixo que o alumnado prestase unha especial atención, non só ós contidos da exposición, senón tamén ó xeito de presentalos, de explicalos e de organizalos. Coido que foi un exercicio moi beneficioso para o noso desenvolvemento como docentes, xa que nos fixo conscientes dalgúns aspectos das exposicións orais nos que doutro xeito non teríamos reparado.
Parte da presentación correspondente ó meu grupo de traballo
Despois das exposicións e do breve debate que tivemos sobre a actividade, cambiamos a dinámica da sesión cunha partida de Kahoot por equipos. Esta actividade, na miña opinión non resultou tan satisfactoria como a partida de Kahoot que xogamos de xeito individual na primeira sesión. Na partida por equipos, cada resposta debe ser dada por consenso dos/das integrantes do grupo, o que require que se produza un debate para poder acadar unha decisión conxunta. Ler, razoar, argumentar, debater e decidir, son moitas tarefas para poder efectualas todas de xeito efectivo no breve espazo de tempo de cada pregunta No caso do meu equipo, tivemos algunhas respostas erróneas por non acadar un consenso no grupo e, polo tanto, responder ó azar. Aínda así, a gamificación combinada coas aclaracións do docente tras cada pregunta son un bo xeito de tratar temas tan densos como o das competencias das Administracións no currículo das EOI. (Déixovos neste enlace un video moi interesante sobre a gamificación nas universidades).
Para rematar a sesión realizamos outra presentación colaborativa (de título As ensinanzas de idiomas no currículo da LOMCE en Galicia), mais desta volta o contido debía ser elaborado polo alumnado de xeito individual (no meu caso en parella, por unha cuestión de correspondencia do número de diapositivas co número de alumnado na aula). A división do contido entre o alumnado semellaba igualitaria, pero á hora de resumir, algunhas partes se prestaban máis que outras, polo que algunhas persoas tiveron máis problemas para condensar toda a información atopada nunha soa diapositiva. Malia isto, toda a xente conseguiu resumir de xeito satisfactorio a información, e compartila co resto da clase sen problemas, polo que a valoración da actividade é moi positiva.
![]() |
| Diapositiva para a presentación colaborativa |
En conclusión, a sesión deste día resultou bastante frutífera, grazas ó esforzo do alumnado e á súa implicación no traballo realizado para acadar os obxectivos propostos polo docente.

2 comentarios:
Boas Alba!
A avaliación cooperativa das presentación entre grupos seguindo a rúbrica tamén me pareceu moi útil á hora de fomentar a atención no alumnado, así como a cooperación e respeto polos respectivos temas e compañeiros, aprendendo a realizar opinión críticas e a aceptalas.
Sen embargo, a actividade de Kahoot podería fomentar unha competición e ambición negativas por parte do alumnado, onde só importa máis o resultado que o que se está a tratar e aprender. Non hai tempo suficiente a reflexionar sobre la información, pudiendo enfocar as preguntas de modo que os participantes puidesen poner en práctica o adquirido dunha forma máis completa e útil. Con todo, o Kahoot é unha ferramenta útil, pero dependendo do modo no que se empregue.
Ola, Emma!
Graciñas polo teu comentario, estou moi de acordo co que comentas.
O uso do Kahoot! durante esta sesión foi, na miña opinión, moi pouco produtivo e coido que non contribuíu demasiado á adquisición de coñecementos precisamente polo que comentas ti: "importa máis o resultado que o que se está a aprender", isto é, "mentres eu apareza no podio do xogo, que máis dará o que aprenda ou deixe de aprender".
No caso do meu grupo andabamos un pouco perdidos, pois as especificacións para as EOI non as tiñamos tan claras como as que se dan para ESO, Bacharelato ou FP. Isto quere dicir que moitas preguntas do kahoot suscitaban un debate que non se podía concluír no pouco tempo que daba cada pregunta, polo que finalmente optamos por responder un pouco ó chou, algo que coido que non é NADA beneficioso para o proceso de ensinanza-aprendizaxe. Se ben é certo que o docente resolveu as dúbidas que ían xurdindo a medida que se formulaba cada pregunta, a velocidade á que se movía o "xogo" non daba tempo para entender, anotar e interiorizar contidos, polo que eu persoalmente acabei a actividade practicamente do mesmo xeito que a comecei.
Non dubido da eficacia do Kahoot para traballar contidos na aula, pero recalco que debe ser empregado con coidado, planificando moi ben as sesións nas que se vai empregar e estruturando os contidos que se van tocar. O obxectivo debe ser asegurar non só o correcto desenvolvemento das sesións de aula, senón maximizar o rendemento do proceso de ensinanza-aprendizaxe.
Saudiña, Alba.
Publicar un comentario